El Correo Gallego

Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Máis dun millón para arranxar cinco vías da provincia coruñesa

Fixouse un prazo de catro meses para executar os traballos // As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o día 25 de maio // Os concellos beneficiados serán A Baña, Carballo, Cerceda, Laxe, Ponteceso, Santa Comba, Zas e Tordoia

Imaxe do estado actual da estrada AC-400 ó seu paso pola parroquia de Anxeriz, en Tordoia - FOTO: C. de T.
Imaxe do estado actual da estrada AC-400 ó seu paso pola parroquia de Anxeriz, en Tordoia - FOTO: C. de T.

C. E.  | 28.04.2020 
A- A+

A Xunta investirá máis dun millón de euros nas obras de mellora do firme de cinco estradas autonómicas da provincia. Así o publicou onte na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. As empresas interesadas na actuación, que terá un prazo de execución de catro meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 25 de maio. O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é acometer os traballos neste mesmo ano 2020. En concreto, actuarase nas vías AC-400, AC-404, AC-429, AC-444 e AC-419, ao seu paso polos concellos da Baña, Carballo, Cerceda, Laxe, Ponteceso, Santa Comba, Tordoia e Zas.

O contrato ten por obxecto a rehabilitación do firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura presente carencias ou se atope deteriorada, co fin de reforzar e mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios destas estradas.

Na vía AC-400, Sigrás (N-550)-Muros, actuarase no tramo que vai do punto quilométrico 28+600 ao 62+500. Neste treito repararanse as superficies estropeadas da vía e procederase á reposición das marcas viarias, captafaros, bandas sonoras e barreira metálica. Na AC-404, Santa Comba-Baio (AC-552), os traballos de rehabilitación do firme realizaranse entre os puntos quilométricos 1+350-20+670. A actuación incluirá o arranxo das marcas viarias, captafaros, bandas sonoras, sinalización vertical e drenaxe.

As melloras previstas na estrada AC-429, Ponteceso (AC-424)-Laxe, que se desenvolverán dende o punto quilométrico 0 ao 11+710, comprenden a reparación das superficies deterioradas e o adecentamento das marcas viarias.

Estes mesmos traballos son os que se farán na AC-419, Buño (AC-418)-Ponteceso (AC-424), desde o punto tres ao catro. Finalmente, as tarefas previstas na AC-444, Negreira (límite do concello)-Ponte Faílde (AC-406), comezarán no punto quilométrico 0+570 e chegarán ata o 10+910. Nesta vía, ademais dos labores sobre as superficies deterioradas, reporanse as marcas viarias, captafaros e bandas sonoras e faranse obras de drenaxe.
Deste xeito, o Goberno galego “continúa a súa aposta polo reforzo da seguridade viaria nas estradas autonómicas ao tempo que, ao retomar os procedementos administrativos de licitación e adxudicación das obras, impulsa investimentos para favorecer a actividade económica”, apuntan dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Lembran que a adxudicación das obras se realizará “ordinariamente utilizando unha pluralidade de criterios baseados no principio da mellor relación calidade-prezo, e que se inclúen na cláusula 3.6.1 do prego de cláusulas administrativas particulares”. En concreto, as empresas interesadas deberán presentar un programa de traballo que describa o conxunto de actividades a desenvolver para prestar a obra contratada, unha memoria técnica dos labores a realizar para comprobar o coñecemento das actividades, en coherencia cos medios propostos, os prazos e as inversións; un plan de control de calidade, unha memoria de prevención de riscos laborais e un programa de actuacións medioambientais.

areadecompostela@elcorreogallego.es

 

{ A OLLADA }
Mellora da seguridade
Claudina Estévez

Manter en perfecto estado o firme das estradas é fundamental para garantir a seguridade de todos os usuarios. Hai que ter en conta que entre os factores que poden ocasionar accidentes está a falta de mantemento da vía pública, e este é un problema que está da man das administracións eliminar do cómputo. Ademais, a licitación destos traballos chega nuns momentos nos que vai ser máis necesario que nunca darlle un bo impulso á actividade económica. É polo tanto unha boa oportunidade para as empresas, que deben lembrar que teñen aínda ata o 25 de maio para presentar as súas ofertas. Agora que vemos a luz que marca o final do desconfinamento vai ser primordial a reactivación da economía, e proxectos deste calibre serán, sen dúbida, de gran axuda.

 

O PROTAGONISTA
Antonio Pereiro
Alcalde de Tordoia
“Está moi transitada”

“As obras de mantemento na AC-400, que vertebra en diagonal a provincia e que a nós nos afecta concretamente nas parroquias de Anxeriz e Andoio, é fundamental porque é moi transitada”, sinala o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro. As melloras nesta estrada implican especialmente aos veciños das dúas parroquias citadas, “posto que se converte na mellor vía para desprazarse ata Santa Comba e A Coruña, explica ó respecto o rexedor.

A pesar da importancia destos traballos, o alcalde sinala que para o municipio urxe a reparación doutra estrada, que xa lle concretaran no seu momento ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Refírese á DP-5902, que une as localidades de Ordes e Tordoia. “Nesesita dun arranxo xeral moi urxente”, apunta Antonio Pereiro.

O mandatario adianta que xa están a tomar forma as medidas económico-sociais para axudar aos autónomos a facer fronte á crise provocada pola pandemia. Tordoia converterase deste xeito nuns dos primeiros concellos en anunciar solucións concretas e anticiparse así ás consecuencias.

De feito, nas redes sociais municipais o rexedor sinala que “a situación no rural é ben distinta da dunha cidade e creo razoable ter iso en conta á hora de iniciar a desescalada. Sería bo que en breve se permitise a apertura de negocios e pasear ou practicar deporte, cas lóxicas limitacións”, dixo.