El Correo Gallego

Opinión » Firmas

{ punta balea }

XOSÉ CERMEÑO

Fonseca e outras homenaxes

28.04.2020 
A- A+

ESTÁN a ser estas semanas un tempo de moitas despedidas. Polo virus ou por outras circunstancias marcharon moitas persoas que nos acompañaron desde a súa arte nalgún momento das nosas vidas: os pianistas Ellis Marsalis e McCoy Tyner, o trompetista Lee Konitz, o cantautor Luis Eduardo Aute, o actor Max von Sydow, o creador de Asterix Albert Uderzo.... A desaparición de Marcos Mundstock, a voz narradora nos números de Les Luthiers, deixounos sen un xenio dos xogos de palabras e da imaxinación verbal, un home brillante que dixo “A vida é para vivila, pois é o único para o que serve”.

E, case ao mesmo tempo, despedíronse a poeta Luz Pozo e o actor Esteban Yáñez, a quen lembro con once ou doce anos no plató no que gravabamos a serie Pratos Combinados, mergullado con xesto serio nas obras de Tolstoi ou de Dostoievski, libros moi grosos, impropios da súa idade, pero acordes, xa daquela, coas súas inquedanzas.

Foise tamén algún parente, como a tía Julia, que me ensinou a resolver os encrucillados e os xeroglífos dos xornais: o río de Francia era case sempre o Ródano, pero con sete anos resulta moito mais sinxelo escribilo nos cadriños correspondentes se contas cun pouco de axuda. Facer os encrucillados foi importante para eu establecer unha longa amizade coa lectura dos xornais e tamén para aprender que a vida son cruces buscados ou fortuitos e tamén algúns e desencontros.

Entre os que marcharon estes días , o escritor brasileiro Rubem Fonseca é un dos que podo sinalar como cómplices necesarios no meu curriculo como lector. Fonseca naceu no ano 1925, estudou dereito e iniciou nese terreo a sua vida profesional: traballou como policía e como avogado. Sen dúbida, nas comisarias e nos xulgados tivo un contacto ben estreito coa lado escuro e conflitivo da condioción humana. E, moi singularmente , coa violencia e a dor que causan a desigualdade , a falta de oportunidades e a ausencia de institucións que miren polos pobres e dos empobrecidos no Brasil do século XX.

Fonseca foi entullando na memoria moito do vivido e do aprendido. Tiña xa case corenta anos cando publicou o seu primeiro libro de relatos breves e case cincuenta cando nos deu a sua primeira novela. A partir de aí foi afilando un estilo abrupto e austero, con páxinas escritas coa tralla dun condutor de dilixencias que tivera como lecturas a Homero e Shakespeare.
Historias de xentes desoladas, carentes, apartadas da educación e do futuro, marxinadas e violentas, que exhiben as súas miserias en contraste cun mundo que nunca poderá estar ordenado mentres existan a fame e a desigualdade. Dito así soa especialmente áspero e ben está porque Fonseca non era un escritor amable: pero o seu mérito, que o levou a recibir o premio Camôes –o mais importante das letras portuguesas–, é contalo cun personalísimo talento literario.

Era unha verdeira escola de concisión e capacidade expresiva . Realismo sucio, novela negra, brutalismo.... chámese como se chame, nos seus libros está a noticia de xentes que so podían empezar a redimirse se alguén falaba delas, e así o fixo Rubem Fonseca.